Monday 06 de May de 2024

O consistorio pobrense apagarase co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente


A Pobra do Caramiñal, xunto con outros 22 concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, unirase neste 5 de xuño a un apagamento convocado pola entidade con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente. Deste xeito, a partir das 23.00 horas, suspenderase a iluminación pública de consistorios, prazas, igrexas, torres e outros monumentos coa finalidade de concienciar sobre o consumo enerxético. No caso concreto da Pobra, o edificio escolleito é a casa do concello.

A dita acción enmárcase no proxecto europeo People & Planet, que implica a mocidade e os gobernos locais na loita contra o cambio climático. Dende o Fondo Galego salientan a importancia de fomenta-lo aforro de enerxía para evita-lo impacto ambiental que supón producila e, polo tanto, protexe-los ecosistemas, ámbito no cal se centra neste 2021 o Día Mundial do Medio Ambiente baixo o lema Reimaxina, rexenera, restaura.

Cómpre indicar que a proposta do apagamento é unhas das máis de 50 actividades que se impulsarán nos concellos socios dentro do mencionado proxecto People & Planet e búscase así contribuír a acada-los Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados polas Nacións Unidas e, especialmente, os ODS 13: adoptar medidas urxentes para loitar contra o cambio climático e os seus efectos.